A gañadora do Goya Chelo Loureiro presentará Valentina no Festival de Cine Inclusivo
 O festival inclúe dous pases de Valentina, un para escolas e outro adaptado para
persoas con Autismo
 O sábado 22 pola mañá o Museo MARCO acolle unha sesión de curtas de
animación para a cativada

A película ‘Valentina’, gañadora o ano pasado do Goya á mellor longametraxe de
animación, vai ser proxectada a próxima semana dentro da programación do Festival de
Cine Inclusivo de Vigo. O filme, dirixido pola galega Chelo Loureiro, proxectarase o martes
18 nun pase para escolas e o xoves 20 aberto a tódalas persoas que o desexen. Chelo
Loureiro participará o martes no Auditorio do Concello na sesión Coñece! do festival. A
directora conversará co alumnado de primaria das motivacións que lle levaron a
facer este filme que narra a historia de Valentina, unha nena con síndrome de Down que
soña con ser trapecista. A directora Chelo Loureiro, especializada en cine de animación,
fundou Abano Producións no 2007 e conseguiu dous premios Goya. O primeiro en 2007 á
mellor curta de animación por ‘Decorado’ e o segundo o ano pasado con ‘Valentina’.
Agora atópase inmersa nun novo prexecto: ‘Unicorn Wars’, que vén de recibir moi boas
críticas no festival de Sitges e estréase en cines o 21 deste mes. Loureiro destaca tamén
por ser unha gran defensora dos dereitos das mulleres no audiovisual.

O xoves 20 ás 17h no Auditorio do Concello proxectarase novamente ‘Valentina’ nun
pase gratuíto aberto a todo o público. Co afán de achegar o cine ao maior número de
persoas, este ano o festival fará, en colaboración con VenTEA, que esta sesión estea
adaptada para persoas con autismo. VenTEA é o proxecto de Irene Morán García,
fotógrafa e experta en TEA que a través deste proxecto quere axudar a que persoas con
autismo poidan gozar de actividades de lecer como ir ao cine, ao museo, a un restaurante
ou un parque.

Valentina non será a única actividade do festival dirixida ao público familiar. Por segundo
ano consecutivo, o evento cinematográfico acolle unha sesión de cine para a cativada.
Terá lugar o sábado 22 no Museo MARCO a partir das 12 do mediodía. Os pequenos

poderán visionar sete curtametraxes de animación coas que se pretende tamén transmitir
valores positivos como o traballo en equipo, a tolerancia, a conciencia medioambiental ou
non discriminación.

Programación infantil:

– Valentina (2021) de Chelo Loureiro. 65 min (Xoves 20 ás 17:00 no Auditorio Municipal do
Concello)
Valentina soña con ser trapecista, pero cre que nunca poderá conseguilo por ter síndrome de Down. A súa
Avoa anímaa sempre a perseverar: se as orugas conseguen converterse en bolboretas, nada é imposible.
Valentina non está moi convencida, pensa que un verme é demasiado noxento para converterse en
bolboreta… Como será esa metamorfose da que fala a Avoa? Cando se dispón a preguntarllo, Papá e Mamá
danlle unha desconcertante noticia: a Avoa marchou de viaxe.

SESIÓN DE CURTAMETRAXES DE ANIMACIÓN INFANTIL (Sábado 22 ás 12:00 no
Museo MARCO)
– Operación Frankestein (2022) de José María Fernández de Vega. 11 min
Tres irmáns deciden crear o seu propio monstro de frankenstein, a partir do achado no lixo dun anaco dun
maniquí. Pero, como darlle vida á túa propia creación cando só contas con sete anos e a axuda dos teus dous
irmáns maiores? O destino do monstro terá un final… sorprendente!
– La primavera siempre vuelve (2021) de Alicia Núñez. 10 min
É primavera e a avoa Margara aprende aos seus catro netos a plantar en pequenas macetas. Tres deles
deciden abandonar voando a corrala familiar e saír a descubrir mundo. Pasan os anos, a avoa envellece, e os
que se foron están presentes á súa maneira… pero nunca como os que quedaron.
– Life & butterflies (2021) de Pablo Reigada. 5 min
Un neno xoga coa súa pelota ata que unha bolboreta capta a súa atención. A partir de aí aprenderá que o
tempo voa e que non hai forma de paralo. El mesmo non pode parar de medrar mentres segue á bolboreta.
– Skydome (2022) de Ana Juesas y Adolfo Aliaga. 4 min
Nun futuro distópico, Amunet vive nunha urbanización na que os robots educan ás nenas para ser boas
mulleres. Inspirada polo traballo da súa nai, Amunet buscará o modo de cambiar as cousas e recuperar a súa
liberdade.
– Bulit escucha la naturaleza (2021) de Mikel Urmeneta y Juanjo Elordi. 9 min
Bulit, un mozo de 8 anos con Trastorno do Espectro do Autismo, descobre que a natureza pode comunicarse
con el. Tres margaridas pídenlle axuda: chega un ciclón que arrasará o bosque e o pobo. Ninguén presta
atención a Bulit, excepto os seus amigos, Karmelia e Witib.
– Loop (2020) de Pablo Polledri. 8 min
Nesta sociedade, cada humano repite unha mesma acción unha e outra vez. Nesta sociedade, cada humano
repite unha mesma acción unha e outra vez. Nesta sociedade, cada humano repite unha mesma acción unha e
outra vez.
– El Paraguas (2022) de Christopher Sánchez Martín. 14 min
Alberto ten un paraugas e non pode separarse del.

Para máis información e entrevistas:

INICIO

X