▪ O director Xavier Bermúdez recollerá o seu galardón como homenaxeado de mans da actriz Marta Larralde.
▪ O festival encherá de cine a cidade ata o próximo sábado.

Mañá no Auditorio do Concello inaugúrase o VI Festival de Cine Inclusivo de Vigo, que encherá a cidade de cinema para todos os públicos e gustos durante os próximos seis días. O evento arrancará ás 17.00 horas cunha retrospectiva de Xavier Bermúdez, director homenaxeado nesta edición. Primeiro proxectarase ‘León y Olvido’ e a continuación, arredor das oito da tarde terá lugar o acto de inauguración no que participarán: Gonzalo Suárez, director do festival; Marta Fernández Tapias, delegada da Xunta de Galicia en Vigo; Ana Laura Iglesias, deputada de Turismo e Xuventude da Deputación de Pontevedra e Abel Losada, concelleiro de Cultura de Vigo. Despois, a actriz Marta Larralde entregará a Xavier Bermúdez o seu premio honorífico. Bermúdez foi o primeiro director español en rodar un filme cun actor protagonista con síndrome de down. Como peche do evento inaugural proxectarase ‘Olvido y León.

O festival continuará a partir do mércores con programación tanto no Auditorio do Concello, como no Museo MARCO e nos cines Salesianos. En total proxectaranse máis de 50 traballos audiovisuais, todos os pases son gratuítos e o acceso realizarase por orde de chegada.

‘León y Olvido’ (2004) de Xabier Bermúdez. 112 min:
León e Olvido son irmáns xemelgos e orfos. León ten a síndrome de Down. Olvido, cuxas relacións sentimentais non van nada ben, tivo que deixar os seus estudos e poñerse a traballar. León pretende acaparar as atencións da súa irmá. Os sentimentos que lles unen e enfrontan son moi intensos por ambas as partes ata que un día aparece nas súas vidas Damián.
‘Olvido y León’ (2020) de Xabier Bermúdez. 107 min:
Despois de quince anos, Olvido aceptou que os seus problemas non están relacionados coa relación que mantén co seu irmán xemelgo, León, que ten a síndrome de Down. Podería abandonalo, pero aceptou que o que lle ocorre realmente é que está baixo a influencia de poderes que non coñece e que non identifica ben, que tecen ao seu ao redor como unha araña un cárcere de insatisfacción persoal.
Breve ‘bio’ sobre Xavier Bermúdez

Formado como realizador de curtametraxes e axudante de dirección, Xavier Bermúdez iníciase no campo da longametraxe con ‘Luz negra’ en 1992. Esta ópera prima logra a Mención Especial do Xurado no Festival de Alcalá de Henares. Ademais, a actriz Mónica Molina, unha dos seus protagonistas, recibe o Premio Especial do Xurado no Festival Internacional de Xixón polo seu traballo no filme.
En 1994 cofunda a produtora Xamalú Filmes. A súa seguinte longa de ficción, ‘Nena’ (1997), consegue a Mención Especial do Xurado en Alcalá de Henares e é seleccionado no Festival Internacional de Mar do Prata. Con todo, a súa consagración chega con ‘León y Olvido’ (2004), que obtén once premios internacionais e tres nacionais, entre os que se atopa o de Mellor Director no Festival Internacional de Karlovy Vary.

Tras este éxito roda ‘Rafael’ (2008), seleccionado no Festival de Málaga, o Festival Internacional de Montpellier e nas mostras de cinema galego de Fantasporto, Portugal e da Filmoteca de Madrid. Despois realizou ‘O ouro do tempo’ (2013), que participa na Sección Oficial do Festival Internacional de Karlovy Vary e consegue tres premios internacionais, nos festivais de Varna, Dürres e Calanda. A súa última longametraxe é ‘Olvido y León’, que continúa coa historia dos protagonistas da súa longametraxe de 2004, inaugurou a 25ª edición do Ourense Film Festival (OUFF) e acaba de ser seleccionada para o Festival Internacional de Singapur.

X