Despois de cinco días de proxeccións e actividades ligadas ao audiovisual e a inclusión, o Festival de Cine Inclusivo de Vigo chega ao seu fin, dando a coñecer os gañadores desta quinta edición na que se proxectaron un total de 28 filmes.

Crip Camp de James Lebrecht e Nicole Newnham álzase co premio á mellor longa documental. Esta producción dos Obama conta a historia do campamento de verán para mozos con discapacidade organizado por hippies nas montañas de Catskills, que foi o berce da loita pola igualdade e os dereitos civís. Na sección de longas de ficción o premio recaeu no español Jose Luis Montesinos, coa súa ópera prima Cuerdas, na que narra a historia dunha moza en cadeira de rodas ante a ameaza inesperada durante o seu retiro nunha masía.

Nas diferentes seccións de curtametraxes os premios repartíronse da seguinte maneira: o galardón para a mellor curta de ficción foi para Paraíso de Mateo Cabezas, aínda que o xurado quixo conceder unha mención especial a Otra forma de caminar, de Laura Torrijos-Bescós; pola súa banda Orquesta Los Bengalas, de David Valero Simón alzouse co premio do festival de curtas subtituladas e audioescritas. O premio CREA á mellor realización foi para o galego David Fidalgo por Homomaquia e o premio AGAG ao mellor guión para Xoves de comadres da viguesa Noemí Chantada.

Este ano celebrouse a primeira edición do concurso de webseries online a través da páxina web do festival, que tivo un gran éxito de participación. O primeiro premio estivo moi reñido ata o final das votacións (que se pecharon o venres ás 12 da noite). Finalmente, os votos do público decidiron que o premio nesta categoría recaia sobre Indetectables, de Sonia Sebastián. En segunda e terceira posición, quedaron as viguesas Enfermedades raras e Hasta la vista! respectivamente.

Os trofeos que recibiron os gañadores na gala de clausura, que se celebrou esta tarde noite no Auditorio do Concello, foron elaborados pola escola de cantería de Pontevedra. Os galardóns, a modo de pequenas esculturas, están elaborados en granito silvestre cunha base de granito negro. As pezas simulan en planos xeométricos unhas mans que encadran e o ollo dentro e levan incluída unha placa gravada que detalla a modalidade de cada un dos premios. O galardón complétase cunha aportación económica en cada unha das categorías.

O xurado estivo formado por Humy Donado, Pablo Fontenla (CREA), Óscar Cruz (AGAG) para as Curtametraxes de ficción; Xudit Casas, Roi Cagiao, Jose Holgado para os documentais (tanto as longas como as curtas); e Moncho Lemos, Paula Cons, María Salgado para as Longametraxes de ficción.

X